A autonomía da vontade é o único principio de todas as leis morais e de todos os deberes conformes a elas: toda heteronomía do libre arbitrio, pola contra, non só non funda ningunha obrigatoriedade, senón que é máis ben contraria ó principio desta e da moralidade da vontade. É que o principio único da moralidade consiste na independencia da lei verbo de toda materia (a saber, dun obxecto desexado) e, ó tempo, na determinación do libre arbitrio pola mera forma lexisladora universal de que unha máxima ten que ser capaz. Aquela independencia é a liberdade en sentido negativo, mais esta lexislación propia da razón pura e, en canto tal, práctica, é a liberdade en sentido positivo. Por conseguinte, a lei moral non expresa nada máis que a autonomía da razón pura práctica, é dicir, a liberdade, e esta é mesmo a condición formal de todas as máximas, as cales unicamente baixo tal condición poden coincidir coa lei práctica suprema.
I. KANT; Crítica da razón práctica (1788); Parte 1ª: Doutrina elemental da razón práctica. L.I: Analítica da razón práctica pura; Cap.-I: Dos principios da razón práctica pura. §8 Teorema IV. (Trad. de Rafael Martínez, USC)
No hay comentarios:
Publicar un comentario